miércoles, julio 04, 2007

RITOS DE RESISTENCIA. Luísa Villalta



RITOS DE RESISTENCIA

Isto é poesia, un ruido provocado.
Non ornamento, arabesco para as pontas dos dedos:
inecesários encaixes para a alma dormir ou sentir
a levedeza da onda cando apenas chega a romper.
Provocación de boca con fame, isto.
E a fame adormece ou reclama.
Fronte á rutina, o rito da palabra tensa a pel
do mundo: un tambor que desperta.
A pel estremece-se
porque recoñece a morte que baila fóra da tumba.
Isto é tamén unha muller que resiste.
Luísa Villalta




Tiven a honra de ser compañeiro de Luísa Villalta no Instituto de Sada, tráxicamente falecida hai tres anos. Dela conservo moitos recordos, conversas, seus libros e neles este poema que agora vos ofrezo onde reflexiona sobre o papel da poesía ou, máis amplamente, da palabra.
Recoñezo que me conmove o verso que dí "Fronte á rutina o rito da palabra tensa a pel do mundo". Debe ser que nel me recoñezo en boa medida ( polo menos nas intencións) como docente que pretende que súas clases poñan en tensión ós meus/miñas alumnos/as . Fronte á rutina e ó adormecemento, a tensión, a resistencia, o estremecemento e unha chamada a non "deixerse durmir", unha chamada á vida.

1 comentario:

Anónimo dijo...

muy bonito

lucía